Sábado, 08 de Septiembre de 2007 - 16:21

B. Medio Rural 6/9/2007

Medio Rural colaborará coa Federación de Razas Autóctonas para fomentar o aproveitamento da superficie agraria e forestal e mellorar a calidade das producións gandeiras

Implantaranse explotacións silvopastorís en montes veciñais en man común

SANTIAGO. AGN.- A Consellaría do Medio Rural asinará un convenio coa Federación de Razas Autóctonas- Boaga para emprender un proxecto de colaboración que dinamice o medio rural e estableza explotacións silvopastorís de carácter extensivo en montes veciñais en man común e terras agrícolas abandonadas. A finalidade é a de aproveitar estes espazos con gando vacún de raza autóctona para incrementar o emprego na actividade agraria e mellorar a calidade das producións gandeiras.

Coa sinatura deste convenio, Medio Rural pretende aumentar a incorporación de mozos á actividade agraria, mellorar a calidade das producións gandeiras, fomentar a sustentabilidade das producións agrogandeiras e ordenar o territorio a través do aproveitamento racional de superficies agrarias ou de montes veciñais en man común que están infrautilizados.

As liñas de actuación que se pretenden pór en funcionamento tras a sinatura do acordo de colaboración entre Medio Rural e Boaga son:

-Desenvolver proxectos que dinamicen o aproveitamento de recursos en zonas desfavorecidas por parte de animais de razas autóctonas.

-Comprobar a situación actual dos montes veciñais en man común e a posibilidade do aproveitamento por razas gandeiras autóctonas.

-Valorar o potencial produtivo deste montes para manter rabaños destes animais.

-Identificar as zonas aptas para a implantación de explotacións gandeiras en réxime extensivo e cunha base territorial apta para o silvopastoreo.

-Prestar apoio técnico para promover o aproveitamento silvopastoril de montes veciñais en man común e superficies agrarias en estado de abandono.

-Realizar accións de formación dos gandeiros.

-Difundir e favorecer o intercambio de experiencias de implantación de explotacións gandeiras en réxime extensivo entre os seus asociados e todos os que estean interesados en incorporarse á actividade agraria.

-Recompilar e tratar a información obtida nas explotacións, facendo chegar os resultados á Consellaría e aos gandeiros.

Para realizar estas liñas de actuación, a Consellaría ten previsto investir 170.000 euros repartidos en tres anualidades: 40.000 para 2007, 65.000 para 2008 e 65.000 para 2009.

O aproveitamento gandeiro do monte veciñal en man común realizarase con razas autóctonas porque son as que presentan unha maior adaptación ao lugar. Ademais, deste xeito, preténdese manter o censo gandeiro das razas propias e potenciar unha actividade de cría gandeira en zonas onde é necesario o mantemento da poboación no medio rural. Desta forma pódese compaxinar o aspecto económico co mantemento da tradición galega no tocante ao aproveitamento da riqueza dos montes veciñais.


cm