Sábado, 09 de Febrero de 2008 - 21:58
B. Medio Rural 7/2/2008
SANTIAGO. AGN.- Todos os veciños do lugar de Goo, no concello lucense do Incio, embarcáronse nunha nova iniciativa empresarial. Grazas á colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel) e da Consellería de Medio Rural, formaron unha cooperativa para criar porcos en liberdade nunha leira da comunidade de montes.
O presidente de Asoporcel, Carlos Gallego, explicou que nesta iniciativa participan un total de 22 veciños, tanto aqueles que residen aínda na vilao como os que están na emigración. Os promotores da idea xa deron os primeiros pasos para constituír formalmente a cooperativa e esperan que a explotación comece a producir no prazo aproximado de seis meses.
Unha parte dos gastos será financiada pola Consellería de Medio Rural a través da liña de axudas establecida para subvencionar proxectos singulares. Ademais, cada veciño achegará á sociedade unha cantidade próxima aos 1.000 euros.
A colaboración entre a administración e os propietarios non se limitará unicamente ao aspecto económico, porque o groso dos traballos de preparación da leira foi executado pola empresa pública Tragsa, coa axuda dos gandeiros da zona.
O proxecto contempla a preparación dunha leira de cinco hectáreas de superficie, que queda valada cun peche electrificado. Ademais, instaláronse conducións de auga e habilitáronse 3 quilómetros de camiños para acceder ás zonas máis remotas da parcela.
Segundo Carlos Gallego, o obxectivo inicial desta cooperativa será situar no mercado entre 200 e 300 porcos celtas cebados ao ano, que se comercializarán a través das canles de distribución que traballan con Asoporcel. "Os animais chegarán á parcela con dous ou tres meses de vida e serán vendidos ao ano", precisou.
Para facer aínda máis curiosa esta iniciativa empresarial, Gallego explicou que unha parte da produción destinarase ao autoconsumo, polo que os veciños que participan xa non terán que cebar porcos nas súas casas.
O produto que esperan obter será dunha "altísima calidade", afirmou, porque os "porcos alimentaranse a base de produtos naturais, de landras e castañas nos tres meses de outono".
ra