Domingo, 10 de Febrero de 2008 - 23:30

Boletín I+D+i 7/2/2008

As mulleres emprendedoras apostan polas TIC para o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais

Demandan un maior investimento en infraestruturas para ter un rápido á rede

SANTIAGO. AGN.- As novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) xogan un papel decisivo nos plans de empresa de calquera emprendedor, algo sobre o que fixeron fincapé os relatores do seminario que se celebrou o pasado 7 de febreiro na Coruña dentro do ciclo 'Ni más ni menos, Igualdad de Género en la Sociedad de la Información'. A xornada promovida por Agestic no centro ITE de Caixa Galicia centrouse na análise da muller dos sectores do comercio e os servizos, grupo que aglutina máis empresarias no espectro galego.

Algunhas das empresarias que participaron na actividade, como a lucense Noa Orizales, demandaron un maior investimento en infraestruturas que permitan un rápido e fácil acceso a Internet. Orizales, promotora dunha firma dedicada á teleformación, presta os seus servizos a través da rede desde o municipio de Outeiro de Rei e ten clientes en varios países. Segundo explicou, as novas tecnoloxías, en particular a formación on-line, contribúen a unha mellor organización do tempo e tamén á conciliación da vida laboral e familiar.

Pola súa banda, Mabel Cañás, responsable da firma Megasyc, explicou a súa experiencia emprendedora no campo das TIC. Nos anos noventa impulsou un traballo de investigación e desenvolvemento que deu como resultado a elaboración dun software específico para empresas da construción que hoxe comercializa a nivel nacional. O seu testemuño reflexa a oportunidade que ten a muller de abrirse un oco no sector empresarial apoiándose nas novas tecnoloxías e apostando polo I+D+i.

Pola súa banda, Isabel Pacheco Lezcano, a presidenta da Asociación de Empresarias da Coruña, defendeu que a ferramenta máis importante para moverse no novo mundo empresarial é Internet. Segundo Pacheco, "o presente e o futuro das TIC está ligado ao desenvolvemento social".

No evento tamén participaron José Manuel Pouse Mesura, Subdelegado do Goberno, a edil Obdulia Taboadela, o presidente de Agestic, José María López Bourio e o vicepresidente da Federación de Autónomos de Galicia, Javier Pérez.

Este seminario é o segundo do ciclo que se desenvolve en Galicia dentro da programación de 'Ni más ni menos'. A próxima cita terá lugar en Ourense o 21 de febreiro, onde se analizará a situación da muller ante as TIC entre as profesións liberais.


cm