Sábado, 16 de Febrero de 2008 - 23:23
B. Medio Rural 15/2/2008
SANTIAGO. AGN.- A Consellaría do Medio Rural pretende dar a coñecer os labores que desenvolve, destinados a protexer e preservar o patrimonio xenético das razas autóctonas. Dentro destas actuacións, considérase primordial divulgar estas actividades entre a infancia e mocidade, polo que, o luns 18 de febreiro, recibiuse a visita de 45 nenos de entre oito e nove anos, pertencentes á C.P.I. de Touro e, para as vindeiras datas están previstas máis visitas escolares.
No Centro de Razas Autóctonas de Galiza, único no seu xénero, centralízanse as actividades relacionadas co cabalo pura raza galega, outras razas equinas autóctonas, como a levanza do Libro Xenealóxico e o desenvolvemento doutras actuacións para beneficio das asociacións de criadores, concellos, criadores e sociedade en xeral.
As instalacións contan con boxes para acoller cabalos, un picadeiro cuberto, un andador para exercicio dos animais, así como sala de exploracións, oficinas, biblioteca, sala de xuntas e un pequeno laboratorio e aula para impartir clases, dentro do Pazo de Quián, nas inmediacións de Santiago de Compostela.
Historicamente, aínda que hai evidencias da presenza de cabalos en Galiza con anterioridade, a orixe máis aceptada do cabalo de pura raza galega é que coa chegada dos pobos celtas (600-500 a. C.) se introduce na península Ibérica unha nova poboación equina, que se adaptou perfectamente a vivir en liberdade baixo as duras condicións nutricionais e climatolóxicas do seus espacios montañosos.
Esta poboación mantívose illada durante séculos, ata que a mediados do século XX, os gandeiros tenderon a realizar cruzamentos con outras razas na procura de maiores rendementos cárnicos, chegando a estar a raza de cabalo pura raza galega seriamente ameazada; na actualidade está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción.
A finais dos anos ‘80 do pasado século, diversos organismos internacionais (ONU, FAO, CEE) promoveron iniciativas destinadas á protección e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción. Seguindo estas directrices, a Consellaría do Medio Rural traballa pola protección e recuperación do cabalo pura raza galega como patrimonio xenético a conservar en beneficio da biodiversidade, fomentando tanto a cría do cabalo en extensivo como rozadores naturais do monte e productores de carne como as potencialidades hípicas, onde demostra ser un cabalo de temperamento dócil, apto para fins deportivos, de lecer ou incluso terapéuticos.
cm