Lunes, 25 de Febrero de 2008 - 16:52
Boletín I+D+i 25/2/2008
SANTIAGO. AGN.- Vigo acollerá este ano unha xornada de portas abertas da Axencia Europea do Espazo (ESA), segundo asegurou o pasado 25 de febreiro o coordinador da Asociación Xuvenil Doira, David Pérez-Piñar.
En rolda de prensa para a presentación das III Xornadas de Jóvenes Científicos, Pérez-Piñar manifestou que nesta xornada participará o director de ESA e "un ou dous enxeñeiros" da axencia espacial europea.
Respecto das III Xornadas de Jóvenes Científicos, o coordinador de Doira recalcou que o programa está dirixido a mozos de 3º e 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacheralato, e que pretenden contribuír á divulgación e promoción da ciencia e a tecnoloxía entre estudantes de 15 a 17 anos. "En Vigo hai estudantes moi bos e merece a pena fomentarlles o interese científico", subliñou Pérez-Piñar, quen recoñeceu que non se trata de ensinarlles a fabricar un avión", senón que "sexan capaces de facer calquera cousa".
O reto para este ano é que os rapaces constrúan un avión autónomo sen piloto destinado á vixilancia e detección rápida de incendios forestais. O prototipo, denominado Airbot, será presentado polos participantes no segundo Australian UAV Challenge, un certamen organizado en Queensland (Australia) cuxo obxectivo é localizar e entregar víveres a persoas en situacións de perigo. O orzamento do que se dispón para crear este avión é de 17.000 euros, onde se inclúe a viaxe a Australia para participar no encontro de Queensland, "o máis caro do proxecto", segundo o coordinador de Doira.
Pola súa banda, o director do Club Financeiro Vigo (CFV), unha das entidades patrocinadoras, Jesús Bahíllo, destacou a "necesidade" de "impulsar e desenvolver a investigación" con este tipo de iniciativas e mostrou a súa confianza en poder traer a algún membro do Goberno como a ministra de Educación ou a de Medio Ambiente cando se presente o prototipo. Os interesados en participar deberán remitir ao CFV a súa solicitude de admisión antes do 1 de marzo, incluíndo os seus datos persoais (nome e apelidos, teléfono e dirección).
cp