Lunes, 10 de Marzo de 2008 - 00:06
Boletín I+D+i 8/3/2008
SANTIAGO. AGN.- A Asociación Galega de Empresas Tecnolóxicas de Información e Comunicación (Agestic) promove o 'Encontro de Mulleres Emprendedoras, Tic e Igualdade', que se celebrará en Santiago de Compostela o próximo día 13 de marzo. A iniciativa está no proxecto "nin+nin-" Igualdad de Género en la Sociedad de la Información'. É un das 19 ideas desenvolvidas no Plan Avanza, aprobado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. José María López Bourio, presidente de Agestic, recorda que "a iniciativa vai dirixida a mulleres galegas emprendedoras que traballan con tecnoloxía e teñen que conciliar vida laboral e familiar.
PREGUNTA.- Que piden mulleres as galegas que se achegan ás novas tecnoloxías?
RESPOSTA.-Os expertos din que hai que cualificar máis ás mulleres, que internet non é aínda un instrumento básico para elas, que hai problemas graves de conectividade ás novas tecnoloxías no medio rural... Hai datos que son escandalosos. As compañías de telefonía non dan servizos de calidade de acceso a internet a queserías artesanais, a cooperativas, a pemes...
P.-Existe interese por parte da muller rural para incorporarse ás tecnoloxías da información e a comunicación?
R.-Galicia é unha sociedade matriarcal. A muller leva o peso da casa. A muller urbana ten máis oportunidades. Hai explotacións agrarias, viveiros forestais, empresas dedicadas á exportación de flores, turismo rural e pemes dedicadas á enxeñería forestal que están lideradas por mulleres. E necesitan unha calidade nos servizos para saír adiante, para sacar adiante os seus proxectos.
P.-Hai outros puntos débiles?
R.-Failles falta formación. Moitas mulleres cren que internet serve só para o lecer. Hai que explicarlles que tamén pode ser un instrumento de traballo. As propias mulleres deben explicar a outras mulleres as súas experiencias, deben contar ata onde chegaron, deben transmitir a súa ilusión para que a muller do rural saiba que pode.
P.-Cales son as canles para resolver as carencias?
R.-Agestic elaborará un informe que remitiremos ao Ministerio de Industria. As empresas esixen conectividade para determinadas explotacións porque, por exemplo, teñen que enviar as análises ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). E non se poden conectar. Moitas teñen que ir a zonas altas para buscar maior cobertura. Tamén demandan formación en determinados horarios. Hai que potenciar a teleformación para conciliar vida familiar e profesional.
P.-As compañías de telecomunicacións buscan a rendibilidade e desatenden os núcleos rurais?
R.-Claro. Agestic reclama un servizo universalizado. Os dereitos de acceso á conectividade teñen que ser universais. Para fixar poboación rural ao medio rural e mellorar a calidade do campo galego hai que darlle enerxía eléctrica de calidade, unha liña de ADSL...
P.-Que medidas tomarán?
R.-Pediremos ao Ministerio de Industria que lle esixa ás compañías de telecomunicacións que solucionen estes problemas. É a nosa función.
P.-Confían en conseguir melloras?
R.-Si. As compañías teñen investimentos elevados. O que fai falta é que sexan conscientes da dispersión de Galicia. Aquí hai 30.000 núcleos de poboación. Telefónica, tras o seu investimento no medio rural, só conseguiu 7.500 novos clientes nun ano. Iso quere dicir que Telefónica non se preocupa de difundir as melloras. Hai que explicar para que serven as novas tecnoloxías. A xente permanece así en desigualdade de condicións.
P.-Parece difícil implicar ás compañías de telecomunicacións.
R.-Si. É tamén un tema de decisión política. Hoxe xa non podemos vivir sen tecnoloxías. Con tecnoloxía somos máis competitivos e vivimos mellor.
P.-A muller galega accede máis ás novas tecnoloxías que o home?
R.-Un 35% das mulleres empresarias galegas empresarias ou traballadoras utiliza o computador. E os homes, máis dun 42%. Son datos do Instituto Galego de Estatística.
P.-Por que se produce esta situación?
R.-Pola dificultade de combinar vida familiar e laboral, e pola dificultade para contar con tempo para formarse. A solución pode chegar pola teleformación; pero tamén fai falta conectividade.
P.-Non é o mesmo reivindicar a chegada do AVE que esixir unha mellora da conectividade. É algo que non é tanxible.
R.-Hoxe as tecnoloxías son imprescindibles para traballar.
P.-Que papel xoga a Xunta?
R.-Está investindo. Pero é difícil chegar aos pequenos núcleos de poboación. Hai que buscar novas solucións. A un cidadán non se lle pode negar un servizo básico. E isto axudaría a fixar poboación ao campo.
P.-Están abandonadas as mulleres do rural?
R.-Si. Hai que preocuparse delas. Hai que atender as súas demandas. E queren tamén incorporarse ao mundo da tecnoloxía.
lvp