Domingo, 18 de Mayo de 2008 - 00:48

Boletín I+D+i 13/5/2008

O presidente de Agestic, López Bourio, incorpórase á directiva da maior patronal do sector TIC de España

Entra na directiva de Asimelec e nas comisións de internet e informatización

SANTIAGO. AGN.- O presidente de Agestic, o lucense José María López Bourio, incorporouse á directiva de Asimelec, ao integrarse esta asociación na maior patronal do sector TIC de España. López Bourio, en representación de Agestic, asinou a integración como membro de pleno dereito en Asimelec, conformando así a maior organización de empresas TIC de España.

Asimelec é a Asociación Multisectorial de Empresas Españolas de Electrónica e Comunicacións, constituída en 1984, converténdose na única asociación do sector electrónico español que agrupa a fabricantes, comercializadores, distribuidores e, no caso do sector de telecomunicacións, a instaladores.

Asimelec é membro da CEOE e Cepyme, e a través dela as empresas de Galicia do sector TIC, integradas en Agestic, terán representación e poderán defender os seus intereses e proxectos no ámbito nacional.

Asimelec componse de 230 asociados directos, tres socios corporativos (Fenitel, Aotep e Interitis) e catro fundacións medioambientais, e representa a máis de 2.000 empresas que dan traballo directo a 300.000 persoas. A súa facturación supón case o 3% do PIB de España.

A finalidade de Asimelec é fomentar e apoiar o desenvolvemento das empresas de electrónica e comunicacións en España, mediante a defensa dos seus asociados e o desenvolvemento do sector, tarefa que en Galicia levará a cabo Agestic. As comisións de traballo de Asimelec colaboran activamente coa Administración en temas como medio ambiente, Internet, informatización, calidade e formación.

O presidente de Agestic, José María López Bourio, formará parte da directiva de Asimelec e das comisións de Internet, informatización e formación, representando ás empresas galegas do sector TIC.


cm