Domingo, 22 de Junio de 2008 - 16:20
Boletín I+D+i 19/6/2008
SANTIAGO. AGN.- A directiva da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (AGESTIC) enviou un escrito á Consellería de Innovación e Industria para pedirlle que estude a posibilidade de elaborar un estudo de viabilidade para o futuro parque científico-tecnolóxico das Gándaras, cuxa creación foi anunciada a semana pasada polo titular de Industria, Fernando Blanco, cun investimento de 65 millóns de euros.
O presidente desta organización, José María López Bourio, considera que este estudo sería moi útil para que o futuro parque sexa realmente útil e responda ás demandas reais das empresas da provincia de Lugo que traballan no sector das novas tecnoloxías. Ao seu xuízo, é importante que esas instalacións teñan un fin determinado antes da súa creación, para evitar que sexan edificios baleiros de contido.
Por iso, considera indispensable a elaboración dun estudo que analice as posibilidades que teñen as empresas deste sector implantadas na provincia de Lugo para trasladar a súa sé e os seus centros de traballo ao citado parque, de forma que a Consellería poida adaptar as futuras instalacións ás súas necesidades no mesmo proxecto.
López Bourio recordou que, actualmente, traballan na provincia de Lugo 200 empresas vinculadas ás novas tecnoloxías, que lle dan emprego a unhas 1.800 persoas. Moitas desas firmas, precisou, naceron nos viveiros da Fundación CEL ou ao amparo de centro CEI-Nodus do Concello da capital. Unha vez cumpridos os dous anos de estancia máxima, moitas se trasladaron a locais alugados que non cumpren os requisitos idóneos para desenvolver a súa actividade.
Nese sentido, o presidente de AGESTIC subliñou que esas empresas estarían dispostas a trasladar a súa sé ao novo parque promovido por Innovación, sempre que a Consellería puxese á súa disposición unha serie de locais o suficientemente amplos, diáfanos e cos servizos adecuados para unha actividade deste tipo.
Entre outras necesidades, falou da posibilidade de habilitar edificios con cableado de alta velocidade, salas de xuntas e zonas comúns con conexión a Internet vía WI-FI. Ao seu xuízo, este sistema tamén favorecería o nacemento de sinerxías entre as propias empresas ou ata iniciativas de colaboración para abordar proxectos de gran envergadura.
jrr