Lunes, 23 de Junio de 2008 - 16:28

B.Medio Rural 19/6/2008

Medio Rural ultima un decreto que regulará o rexistro e ordenación de todo tipo de equinos, incluídos os salvaxes

A cría en semiliberdade deste tipo de gando sempre impediu o seu control

SANTIAGO. AGN.- A Consellería de Medio Rural está a piques de aprobar un decreto de normas de rexistro e ordenación dos equinos de "calquera tipo" de explotación gandeira, extensible aos cabalos domésticos pero tamén aos salvaxes que se crían de modo extensivo nos montes galegos. A cría en semiliberdade deste tipo de gando impediu sempre a súa identificación e incluso que os propios donos controlen todas as cabezas que posúen.

Así o asegurou o pasado 19 de xuño o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, José Carballido, na comisión parlamentaria de Agricultura, en resposta a unha denuncia do PPdeG sobre diversos casos de maltrato animal detectados nalgunhas zonas de montaña de Pontevedra.

O representante da Administración agraria galega recoñeceu compartir a "preocupación" expresada sobre esta problemática polo portavoz "popular", Roberto Castro, e manter xa diversas reunións informativas con numerosas entidades proteccionistas denunciantes dos feitos.

A raíz dos casos detectados nas comarcas do Barbanza (A Coruña), Serra da Capelada (A Coruña), Monte do Faro (Pontevedra), Serra de Panda (A Coruña), península do Morrazo (Pontevedra), Castrove (Poio, Pontevedra), Serra do Xistral (Lugo) e Oia (Pontevedra), Carballido informou de que se remitiron cartas a trinta e seis comunidades de montes veciñais da comunidade. "Temos a disposición inequívoca de erradicar estas prácticas", engadiu tras comprometerse a tratar "con rigor" todas as denuncias, así como iniciar as investigacións "necesarias".

Tamén se referiu á recente introdución na normativa estatal existente da base sancionadora, que antes non figuraba, e que, de agora en diante, impedirá que os malos tratos a animais queden impunes.


nm